miércoles, 11 de enero de 2012

LARACHA, CARBALLO, PONTEVEDRA…



NOMES GALEGOS
NOS ESTADOS UNIDOS


Casa consistorial de Corunna, en Indiana, USA


EXISTEN UN FERROL, DUAS CORUNNA, CINCO VIGO... E VARIOS LUGARES LEVAN OS NOMES DE SANTIAGO E LUGO


O xornal LA VOZ DE GALICIA informaba ó día seguinte de Reis que no centro do estado norteamericano de Arkansas –situado entre Oklahoma, Tennesee, Mississippi, Louisiana e Missouri-, hai unha extensa zona residencial chamada Hot Spring Village, que conta con doce lagoas, dezaseis pistas de tenis e oito campos de golf de dezaoito buratos. Mais a noticia non é a dotación deportiva do terreo, situado a carón do bosque nacional de Ouachita, senón o feito de que naquel fermoso lugar hai dous sitios que levan nomes galegos: Carballo Lane e Laracha Way. Están a tres quilómetros e ofertan moitas vivendas para os que desexen residir alí, como se pode comprobar visitando a Internet.

Propiedade á venda en Carballo Lane, Arkansas, USA


No sur de California, onde xa veñen traballando desde hai tempo para producir viño albariño, está a comunidade de Missión Viejo, nomeada cidade mais segura dos Estados Unidos en 2007. Ten mais de cen mil habitantes e a ela pertencen dous lugares que levan tamén nomes galegos: Carballo e Corcubión.

Casa á venda en Laracha Way, estado de Arkansas, USA


SANTIAGO, CORUNNA, FERROL

Ó fio desta información, hai que dicir que case tódalas cidades galegas teñen outra homónima, ou varias, nos Estados Unidos. Por exemplo, Santiago está no condado de Taylor, en Virxinia Occidental, pero hai outro tamén no de Arenac en Michigan, no de Sherburne en Minnesota, no de Benton en Missouri, no de Mora en Novo México e no de Allegheny en Pennsylvania. En total, xa que logo, seis.

Escudo da Policia de Corunna, Michigan, USA


A Coruña, como é ben sabido, é coñecida en inglés por Corunna e con este nome hai dous lugares no territorio norteamericano. O primeiro podemos atopalo no condado de DeKalb, estado de Indiana. Conta con menos de trescentos habitantes, segundo o censo do 2000. O outro, de 3.381 habitantes, está no condado de Shiawassee, estado de Michigan, ten título de cidade e conta cunha páxina web municipal (www.corunna-mi.gov) onde se pode ver que o escudo da súa Policia Municipal leva a Torre de Hércules coruñesa. Tamén se pode atopar información sobre a historia desta cidade, que foi fundada en 1837 por The Shiawassee County Seat Company (formada por Alexander McArthur, Andrew Mack e Horace Comstock). Ao parecer, foi o segundo, Andrew Mack, quen lle deu ese nome pola cidade galega, onde embarcou con ovellas que levou desde Cumberlands a Cincinnati, Ohio. Este emprendedor e industrial fundou outra Corunna en Ontario, Canadá.

Propaganda turística da Corunna norteamericana

E outra cidade da provincia de A Coruña, Ferrol, ten tamén a súa correspondencia nos EE.UU., ainda que o Ferrol americano é tan só unha pequena poboación do condado de Augusta, en Virxinia. Neste mesmo estado encóntrase Jamestown, que foi o primeiro asentamento permanente inglés no actual territorio dos Estados Unidos. Foi fundado á beira do rio James en 1607, polo tanto trece anos antes de que chegaran á costa de Massachussets os cento dous peregrinos que partirán do porto inglés de Plymouth en 1620, a bordo do famoso Mayflower. Aqueles colonos, polo que representaron, seguen moi vivos na sociedade americana, que celebra cada ano, en lembranza deles, o cuarto xoves de Novembro, o Thankgiving Day, ou Dia de Acción de Grazas.

Hai un Lugo no estado de Alabama, USA


LUGO, PONTEVEDRA E VIGO

            O nome de Lugo tamén aparece na toponimia norteamericana. Hai un Lugo no condado de Barbour, Alabama, e outro no de San Bernardino, en California. O segundo está moi ligado á historia do val californiano de San Bernardino e da cidade de Los Ángeles, xa que Antonio María Lugo, mexicano de orixe española, seguramente galega, foi alcalde de Los Angeles entre 1816 e 1819 e a súa familia fíxose coas terras da que fora Misión de San Bernardino, oito anos antes de que California pasase a formar parte dos Estados Unidos. É por iso que se ten dito que o Lugo de San Bernardino deriva probablemente do apelido desta familia, que na súa orixe probablemente foi galega.

Unha maravilla chamada Ponte Vedra na Florida, USA

Pontevedra está no condado de Fulton, estado de Xeorxia, pero hai outra Pontevedra moito máis famosa no condado de Saint Johns, en Florida, ainda que esta escribe o seu nome como Ponte Vedra. Situada a uns trinta kilómetros de Jacksonville, Ponte Vedra é famosa polos seus campos de golf, as súas praias, e os seus hoteis e spas de luxo. Esta Ponte Vedra norteamericana leva o seu nome en honor da Pontevedra galega e foi elixida hai tempo como "un dos mellores lugares para vivir". Será por iso que entre os seus veciños de mais sona conta co gran actor Gene Hackman, que é un pontevedrés da outra banda do mar.

 Ponte Vedra Beach e South Ponte Vedra Beach denominan as zonas de praia desta cidade da Florida, descubertas a principios do século pasado por dous enxeñeiros químicos, o que orixinou que a National Lead Company creara alí en 1916 un asentamento mineiro, xunto cun campo de golf e un complexo turístico. Parece ser que algún dos promotores leu unha reportaxe sobre a orixe pontevedresa de Colón e, a raíz diso, a empresa rebautizou o lugar como Ponte Vedra en 1928.
Condado de Vigo, Indiana, onde está a cidade de Vigo

Por último, a cidade galega que conta co maior número de habitantes, Vigo, tamén está presente entre os topónimos dos Estados Unidos. Hai un Vigo no condado de Calhoun, estado de Alabama, e outro en Indiana, onde o condado ó que pertence tamén se chama Vigo, din que para honrá-la memoria do coronel Francis Vigo (1747-1836), nado en Cerdeña, que loitou pola independencia do país. E ainda hai tres Vigo mais: no condado de Knox, en Indiana; no condado de Ross, en Ohio; e no de Lincoln, no estado de Nevada, o de Las Vegas.

Estatua de Francis Vigo, fundador do Vigo de Indiana, USA

No hay comentarios:

Publicar un comentario