martes, 1 de noviembre de 2011

COMENZA NOVEMBRO, OU MES DE SANTOS


EN GALICIA É O MES DA MATANZA DO PORCO, DO SAN MARTIÑO, TAMÉN DOS MAGOSTOS… E, POR ENRIBA DE TODO, DOS NOSOS DEFUNTIÑOS


Xa estamos no mes dos magostos


O de Novembro é o undécimo mes do ano do Calendario Gregoriano e era o noveno mes do Romano, polo que de nove naceu novembro. Ten trinta dias e, en Galicia, recibe tamén os nomes de Mes de Santos, Mes dos Mortos, ou Mes do San Martiño.

Na época das matanzas caseiras, en Novembro é cando se mataba o porco nas aldeas e vilas, sempre tendo en conta as lúas e contra o dia do San Martiño. De ahí o vello refrán que dicía: A cada porco lle chega o seu San Martiño.

Na nosa Terra, Novembro é tamén o mes dos magostos, que se celebran a partir do dia once, San Martiño. Lembremos que o santo é o patrón de cidades galegas como Ourense e Mondoñedo.

E, por descontado, Novembro é o mes no que mais nos lembramos dos nosos defuntos. Estes dias, os cimeterios de Galicia rexistran unha grande actividade, pois o movemento de persoas que levan flores e visitan as tumbas dos seus familiares é incesante.

Cimeterio de Santo Amaro, A Coruña


Vexamos algúns dos moitos refráns que o Refraneiro Galego dedica a este mes de Novembro, que comenza hoxe:
  • A cada porco lle chega o seu San Martiño.
  • A todo porquiño lle chega o seu San Martiño.
  • Antes de San Martiño, pan e viño; despois de San Martiño, fame e frío.
  • Cando Santos acaba, o inverno empeza.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de San Martiño.
  • De San Martiño para adiante fame e frío.
  • De Santos a Navidá é inverno de verdá.
  • De Santos a Nadal é o inverno natural.
  • De Santos a Navidá hai inverno de verdá.
  • De Santos ás Navidás hai sequía de verdá.
  • Despois de san Martiño, deixa a auga e bebe o viño.
  • Día de san Martiño, proba o teu viño.
  • Ditoso mes que empeza con Santos e remata con San Andrés.
  • Do novo viño bota un traguiño polo san Martiño.
  • En san Martiño remonta cada día un ferradiño.
  • En san Martiño, pan e viño.
  • En Santos, nevan os campos.
  • Horta de San Martiño, mata ó seu dono e mais ó veciño.
  • No mes de Santos, a máis tardar, ponte a sementar.
  • No mes morto nin sáche-lo horto nin cápe-lo porco.
  • No san Martiño, porco e viño.
  • O que queira bo alliño, que o bote no san Martiño.
  • O que queira ter bo alliño, que o semente polo san Martiño.
  • O vrán de san Martiño pode ser grande ou pequeniño.
  • O vran de San Martiño son tres días e un pouquiño.
  • O vranciño de san Martiño, tanto grande como pequeniño.
  • Planta a horta en San Martiño e plantarás para ti e o veciño.
  • Polo San Andrés, o viño novo vello é.
  • Polo San Clemente bota a túa semente.
  • Polo san Martiño, andan as noces a roliño.
  • Polo San Martiño bólas ó tellado e trompos ó camiño.
  • Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Polo San Martiño deixa a auga e bebe o viño.
  • Polo San Martiño, fabóns ó liño.
  • Polo san Martiño mata o teu porquiño.
  • Polo San Martiño péchase o camiño.
  • Polo San Martiño, proba o teu viño.
  • Polo san Martiño todo o mosto é bo viño.
  • Polo San Martiño, trompos ó camiño.

  • Polo san Martiño, trompos ó camiño, e polo san Amaro, trompos ó tellado.
  • Polo San Martiño vende o teu viño, antes ó pipeiro que ó taberneiro.
  • Por san Martiño cae máis auga do que o borracho bebe viño.
  • Por san Martiño cata o teu viño.
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto.
  • Por san Martiño mata o teu porquiño e proba o teu viño.
  • Por San Martiño, nin faba, nin liño.
  • Quen cava no mes de Santos perde o tempo e o traballo.
  • Quen queira ter allo fino, que o poña polo san Martiño.
  • San Andrés trae a vela e san Xoán a leva.
  • San Simón proba o viño e o porco san Martiño.
  • San Xoán come pan e san Andresiño touciño.
  • San Xoán daime o pan e san Martiño o viño.
  • Se no Samartiño non matas cocho ou año, coa fame levarate o diaño.
  • Se queres ter allo fino, plántao no San Martiño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario