sábado, 1 de octubre de 2011

COLABORACIÓNS DESDE A NOSA TERRA


DOUS POEMAS DE
ANTONIO PUERTAS


Nos seus versos recrea as paisaxes, vivencias e lembranzas da súa Camariñas natal

As composicións, inéditas, aparecen nesta páxina grazas á xentileza do seu autor

        Formado no Seminario Menor de Santiago, onde se prestaba grande atención á Literatura, as Línguas Clásicas e as Humanidades en xeral, Antonio Puertas Lema tivo que abandonar na adolescencia a súa Camariñas natal, debido ó traslado so seu pai a outra zona da provincia da Coruña. Xa que logo, pasou lonxe da súa vila natal a maior parte da súa vida, mais Camariñas endexamais deixou de alentar no seu corazón, como pon de manifesto nos seus poemas.
       
        Retirado do mundo bancario, ó que dedicou a súa vida laboral, Antonio Puertas intensificou o seu contacto con Camariñas, onde conta con residencia propia, ademais dunha lancha de recreo, a Beldoña, na que pode practicar con comodidade a súa afección favorita, que é a pesca no mar, sobre todo na ría de Camariñas, que coñece coma se fose un auténtico mariñeiro profesional. Ainda é quen de lembrar as marcas do Golfendro de terra e do Golfendro de fora, por mais que tales marcas xa desapareceron, como a Barbería de Varela, ou o Muiño do Vento.

        Grazas ós medios dixitais camariñáns, nos últimos anos fomos descubrindo a súa vocación e sensibilidade poéticas, xunto cun fondo “camariñanismo”, que é nota común de cantos tivémo-lo honor e a fortuna de vir ó mundo nun marco tan maravilloso.

Non importa que andemos polo mundo adiante. Esa é tamén, como é ben sabido, outra nota característica do pobo galego. O caso é que, na terra ou lonxe dela, Galicia será sempre “isto que vai en nós”, como tan atinadamente nos descubriu un dia o poeta Salvador Garcia Bodaño. Polo mesmo, Camariñas estará sempre presente tamén nas nosas lembranzas, na nosa vida e nos nosos corazóns, como moi ben traduce Antonio Puertas nos seus poemas, cheos de amor á vila das palilleiras.



ESTRADA DO FARO

Estrada que me achegas ata ó faro
con revoltas, camiñantes e piñeiros,
arrédasme do pobo que mais quero,
abeirando paxariños cantareiros.

Montes, campos e tombos bandalleiros,
casiñas brancas e ventos basculantes;
barcos peregrinos e miúdos veleiros,
da Costa da Morte, ousados navegantes.

Remexendo as augas ó testudo Moedor
con remendos de azul e verde mantelo,
que, po seu altar, agasallou ó Creador,
coas puntillas das espumas do Farelo.

Érguese oufano o Villano aterrador
co seu sable aguzado e xusticeiro,
mantendo á raia suradas, e mediador,
entre ó nordés, alporizado e guerreiro.

Calmo nun recuncho agarimoso,
ó espectro gardián do Soberano,
magoado, choromiqueiro vitorioso,
reliquia colosal do noso antano.

Camariñas, miña eterna namorada,
de campiñas, de chousas e de praias,
de tebras, e luz de faro acompasada,
de encaixes, caramiñas e de atalaias.

Antonio Puertas



A MIÑA CASIÑA

Subindo pola do Medio,
e, o pasar a de Curral,
alí está a rúa Pizarro,
alí comezou meu cantar.

Alí as miñas lembranzas
vividas dende rapaz,
soñando sempre desperto,
soñando con retornar.

A brancura da casiña
e o agarimo dos irmáns,
fanme chorar cando penso
no meu rueiro, no meu lugar.

Laiando fun pola vida,
cantando fun polo mar,
areíñas da miña vila
marcaron o meu pisar.

Canto mais lonxe pisaba,
mais me poñía a chorar
e, o entrar polas Carballas,
rexurdía o meu cantar.

Cantaban comigo as fontes
e as neniñas ó falar,
cantaban os paxariños
e, bruando, cantaba o mar.

O balcón da miña casa
e os xeranios da miña nai,
polo miudiño cantaban
vendo pasar ao meu pai.

Todos engadían algo,
todos querían cantar,
un remuíño envolvente,
buligaba por meu fogar.

Antonio Puertas


No hay comentarios:

Publicar un comentario