miércoles, 10 de agosto de 2011

DENDE A NOSA GALICIA

UN POEMA PARA OS
QUE ESTAMOS LONXE

        O poeta camariñán Antonio Puertas fíxonos o regalo de enviarnos este fermoso poema seu, "Saudade", escrito pensando en cantos estamos lonxe e, moi especialmente, nos que levamos Galicia no corazón na terra de Borinquen. Un detalle que moito agradecemos no nome dos lectores.


Pra tódolos galegos con saudade pola súa terra

Saudade é cando vexo
remexer as augas brancas
bandeando por Merexo
carneiros de patas trancas.

Saudade é cando admiro
a chaira da ría en calma,
e, coas bágoas reviro
as fontes da miña alma.

Saudade é cando estalo
en recordos da miña casa,
e me embalo cando falo
dun tempo que xa non pasa.

Saudade é cando axexo
nos rueiros ás rapazas,
en sombrizos que nin vexo,
nin deixaron suas trazas.

Saudade é se adoezo
morriñento de lembranza,
e, nos meus intres padezo
co trancazo da infancia.

…Unha espada compañeira,
que abrasa e que me mata;
a saudade é traizoeira
como a nena que maltrata.



UN APUNTE SOBRE O AUTOR

ANTONIO PUERTAS


        O autor do poema “Saudade”, Antonio V. Puertas Lema, naceu na vila mariñeira de Camariñas, A Coruña, e estudou Humanidades no Seminario Menor da Asunción, en Belvís, Santiago de Compostela, onde coñeceu e estudou ós grandes autores clásicos gregos e latinos, ó tempo que, da man de sabios profesores daquel tempo, accedeu tamén ó mundo da literatura. Alí naceu a súa afección pola poesía.
       
        Ó longo de anos exerceu como alto executivo de banca, ata que, liberado das obrigas profesionais, pudo dedicarse á actividade que máis íntimas satisfaccións lle da, que é a poesía. Este mesmo ano levou o primeiro premio do Certame de Poesía Concello de Mugardos polo poema “Cantareira”, dedicado á unha gamela das moitas nas que, de rapaz, bordeou pola ria de Camariñas e practicou o deporte da pesca no mar, que é outra das súas grandes paixóns.

        Galicia en Puerto Rico agradécelle a súa colaboración e aproveita para enviarlle o testemuño das nosas mais fondas condolencias polo pasamento da súa nai, acontecido en data recente. Descanse en paz dona Marita, que soubo inculcar nos seus fillos -Toño, Victoria, Manel e Barca, esta última residente en New York- o amor a Camariñas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario