martes, 12 de julio de 2011

LOITO POLO ARTISTA DE ORIXE GALEGA

OS RESTOS MORTAIS DE FACUNDO CABRAL
SERÁN REPATRIADOS HOXE Á ARXENTINA


Segundo apuntan os medios de comunicación, parece que será hoxe cando o corpo do cantautor de orixe galega sexa repatriado á República Arxentina, o país onde naceu hai 74 anos. O cadavre do intérprete e compositor permaneceu ata agora na morgue xudicial da capital guatemalteca, onde se lle practicou a autopsia, que determinou que Facundo Cabral faleceu dun disparo no lado esquerdo da cabeza.
O que non está confirmado é se a viuva do artista, Silvia Pousa, poderá viaxar a Guatemala, ou agardará os restos mortais do seu home no aeroporto internacional Ministro Pistarini, de Eceiza, preto de Buenos Aires. Unha axencia informativa da por feito que fará a viaxe. Sábese tamén que non vai haber velorio e que, tal como tiña dito Facundo, os seus restos serán incinerados na Arxentina.


Silvia Pousa de Cabral casara co cantautor hai tan só uns seis meses, logo dunha relación de entre dez e quince anos, segundo os diferentes medios consultados. A pouca información que hai sobre ela indica que é unha psicóloga venezolana, residente en Mar del Plata, nai dun fillo chamado Juan Francisco, que é afillado do artista.
Ainda que nada se dixo ó respecto, coidamos que a viuva podería ser tamén de orixe galega, como o cantante, pois o apelido Pousa é galego cen por cen, ainda que, coa emigración, asentouse tamén nestoutra beira do mar. Facundo xa recoñeceu sempre que o seu avó era galego e que para el foi moi importante, pois foi o primeiro home ó que escoitou cantar.



No hay comentarios:

Publicar un comentario